Esta semana tiven a oportunidade de vivir unha experiencia única! Non teño palabras dabondo para describir este sentimento tan distinto, pero ao mesmo tempo profundamente enriquecedor e satisfactorio. Estou a referirme a miña visita ó cárcere Sevilla II, situado en Morón de la Frontera, para ofrecerlle ós reclusos unha charla sobre a miña experiencia coa discapacidade e a historia detrás de Xogo de Fíos. Todo isto foi posible gracias a Noelia, educadora social do centro penitenciario, que me brindou a oportunidade de explicarlles o meu proxecto de vida.

Concretamente a intervención tivo lugar no módulo 15, unha UTE (Unidade Terapéutica e Educativa), un espazo onde os internos traballan no seu proceso de reinserción. A maioría son persoas con graves problemas de adiccións, feito que os levou a delinquir e acabaron no cárcere. Trátase dun módulo similar a unha comunidade terapéutica, no cal se levan a cabo distintas actividades durante todo o día, teñen que respectar moitas normas de conducta e traballan na autoestima e o apoio mutuo. Debo confesar que foi unha experiencia única porque era a primeira vez que entraba nunha prisión e, desde o primeiro momento, sentín nerviosismo e expectación polo que ía encontrar. Obviamente sentimentos herdados dos prexuízos e estereotipos que temos a sociedade pola poboación reclusa. Pero nada máis lonxe da realidade: atopei persoas de gran corazón, mostráronse moi participativos e empáticos coa miña historia. Pero sobre todo, déronme agarimo, confianza e moitísima ilusión para seguir adiante.

Foi un auténtico intercambio de experiencias que me fixo reflexionar sobre o valor da implicación, da inclusión e das segundas oportunidades. Pero non me fun cas mans valeiras, nada diso! Síntome afortunada de coñecer este grupo de reclusos que tan cerca se mostraron. De feito, recibín estas fermosas caixas de madeira que eran para as súas familias e, que agora, recibín como un agasallo tan especial. Despois disto, só me queda dar as GRAZAS por todo o apoio recibido! Sen dúbida, estes encontros poden xerar importantes cambios na maneira que temos de relacionarnos e ver o mundo. Un cambio de visión, un cambio de perspectiva para que todos sexamos parte desta sociedade.
Comentarios