top of page
xogodefios

De que falamos en seres de ben?

Lorena Quintas Rejo e Ruben Rios

Querida audiencia que formades o universo de Seres! Antes de nada teño que darvos as grazas por acompañarnos semana tras semana, estou encantada de recibir as vosas mensaxes e saber que cada historia é especial. Realmente pretendo dar visibilidade aquelas persoas inspiradoras ou proxectos innovadores que teñen como núcleo central o ámbito social, con especial atención no mundo da discapacidade. Para min é un auténtico aprendizaxe ir descubrindo novas iniciativas, a maioría delas encamiñadas cara a inclusión e o desenvolvemento do rural. Como moitos me estades escribindo para que pase os enlaces, tomei este espazo do blog para compartilos. Aclarar que só están adxuntos os enlaces correspondentes as miñas colaboracións, para dispoñer de todos os programas debedes consultar Galega Audio.

 

Tamén mando un saúdo moi especial a Rubén Rios, director-guionista e produtor do programa, e a todo o equipo por contar comigo para este proxecto. Non perdades a oportunidade de coñecernos!

Prega no enlace do titulo para acceder ó audio.

 

O programa acaba de estrearse, polo que as presentacións son sempre benvidas. Eu son unha muller con discapacidade física e visual que o longo da vida fun superando distintas barreiras, pero desta volta o reto que Rubén me propón tampouco é nada sinxelo. Intentarei semana tras semana dar voz a todo aquilo que faga falla, poñendo especial atención na discapacidade. Así que desde Allariz para o mundo, aquí me teredes para o que sexa menester. Vémonos a través das ondas!


 

Esta entidade leva décadas traballando para mellorar a calidade de vida das persoas con dano cerebral, das súas familias e doutras discapacidades afíns. Estivemos conversando con Conchi, presidenta de APAMP, que nos explicou que a principal labor da entidade é ofrecer apoios personalizados, promover a inclusión social e garantir que cada persoa poda alcanzar o seu máximo potencial. Pero descubre os proxectos estrela de APAMP e porque é referente da discapacidade.

 

Gustaríame compartir con vós algo moi persoal: o meu proxecto de vida. Esta iniciativa artesanal naceu da miña paixón pola artesanía e o meu desexo de demostrar que a creatividade non ten límites, incluso cando a vida nos coloca trabas no camiño. Como xa sabedes, este proxecto faime sentir unha persoa autónoma e con gañas de vivir. Pero escoita para descubrir todo o que se agocha detrás de Xogo de Fíos.

 

Unha das primeiras historias que debía contar é a de Camilo, un home de Allariz que ten artrite reumática infantil coma min. Sen embargo, tocoulle de enfermar varias décadas antes e coa súa experiencia persoal dámonos conta de como a evolución na accesibilidade mellorou a vida das persoas con discapacidade. Que sentiriades se non puideses saír a rúa durante 20 anos? Ou que fariades se a cadeira de rodas tivese que vir desde Alemaña? Escoitade esta historia e despois xa me contaredes. Bravo Camilo!

 



Tenda Xogo de Fíos


A inclusión laboral é unha das claves que garante a autonomía e a participación plena das persoas con discapacidade na sociedade. Por iso, o departamento de orientación laboral de COGAMI traballa conxuntamente co SEPE para abrir as portas do mercado laboral e derribar as barreiras aínda existentes. Se eres unha persoa con discapacidade ou coñeces alguén que a teña, deberías tomar nota do que tratamos nesta entrevista.

 


IES Praia Bárrala

Este IES de Boiro (A Coruña) colabora no proxecto da Asociación APAMP: “sentados na rúa”. Neste caso, dúas alumnas deste instituto presentaron as súas cadeiras e, como xa sabedes doutros programas, cada cadeira conta unha historia. A primeira trata dunha entrañable carta que un avó deixa á súa neta e, na segunda, atopamos tan só dúas frases lacradas nunha cadeira pero que expresan o sufrimento do acoso escolar. Non podo seguir revelando segredos, tan só escóitanos unha vez máis.

 

A Sensibilidade Química Múltiple é unha enfermidade que ten barreiras invisibles, moi complexa de diagnosticar e actualmente non ten cura. A única solución é o illamento da persoa e o mínimo contacto con calquera produto químico da vida cotiá. Coñece a historia de Miri e María Arxentina, dúas mulleres que nada teñen que ver entre elas pero que agora comparten a realidade SQM.

Brétema Atlántica

No corazón da Limia nace un proxecto cheo de cor, creatividade e espírito de superación. Unha iniciativa que nos ensina que os soños non teñen límites cando son perseguidos con paixón e determinación. Daniel maila súa parella dan forma esta fusión, creando pendentes de arcilla polimérica de gran beleza e estilo. Descubre con nós este proxecto innovador!

 

En Galicia álzase unha voz polos dereitos, a inclusión e a igualdade das mulleres con discapacidade: ACADAR. Síntome orgullosa de presentar unha entidade da que formo parte, unha entidade con compromiso social na que se traballa diariamente para que todas as mulleres con discapacidade formemos parte desta sociedade. Unha entidade de mulleres e para mulleres. Queres formar parte do cambio?

Aula Hospitalaria do Álvaro Cunqueiro

Estamos ante un exemplo perfecto de como a educación e a arte poden transformar realidades, en concreto as experiencias de hospitalización dos nenos e nenas que pasan unha longa estancia ingresados. Convertendo este período nun universo de aprendizaxe e ilusión por saír adiante. Entre os seus proxectos estrela destaca a súa colaboración en “sentados na rúa” da Asociación APAMP, unha proposta artística e comunitaria que nos invita a reflexionar sobre a importancia da inclusión. Mergúllate nos soños destes nenos!


Só me queda dicir GRAZAS

Grazas por formar parte desta comunidade que non só nos escoita cada noite, senón que tamén actúa e participa. Animádevos a escribir ó programa con calquera dúbida ou suxestión. Bo día!!

4 views0 comments

Recent Posts

See All

Bình luận


bottom of page