En Xogo de Fíos apostamos pola inclusión como medio para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria. E para iso, nada mellor que o poder das palabras para romper con todas as barreiras sociais e culturais. Se educamos en igualdade aos nosos nenos e nenas, estaremos contribuíndo a formar unhas persoas adultas con valores e capacidade crítica. Por iso, desde o concello de Ourense decidiron confiar no noso criterio para impartir varios obradoiros nos centros escolares da cidade, aproveitando que o 3 de decembro celebramos o Día Internacional da Discapacidade. Unha data de reivindicación dos dereitos das persoas con discapacidade e de recoñecemento por parte da sociedade. Ben é certo que ten que ser un traballo diario o longo do ano, pero neste día considero importante facer visible as distintas capacidades que todos posuímos para lograr a plena inclusión.
Para levar esta mensaxe ó alumnado de primaria, en Xogo de Fíos presentamos a historia de Redondiño. Un boneco redondo que naceu nun país no que todo era cadrado, por iso Redondiño sentíase tan extraño e só. Sen embargo, os nosos nenos e nenas van aprender que non é tan malo ser diferente porque Redondiño tamén soubo aproveitar as avantaxes da súa forma circular. Deste xeito, construímos unha historia sinxela pero inclusiva, que servira de metáfora para explicar a situación que viven as persoas con discapacidade na sociedade.
· No caso que desde algún centro escolar sexa do voso interese, só debedes contactarme para enviarvos o material dispoñible deste conto infantil e os detalles do obradoiro.
Unha vez que temos claro que agora o Redondiño é feliz, pómonos a fiar o boneco seguindo a técnica de fiado de Xogo de Fíos. Desta ocasión percorremos os seguintes centros escolares de Ourense:
- CEIP Irmáns Vilar.
- CEIP José García de Mende.
- CEIP Manuel Sueiro.
- CEIP Vista hermosa.
- CEE O Pino.
- CEIP O Couto.
- CEE Miño.
Non me queda máis que agradecer tanto a Tamara como a Fina do concello de Ourense, como o profesorado que nos recibiu coas mans abertas, por mostrar tanta colaboración e bo facer en todo momento. Sen dúbida contar co voso apoio e familiaridade foi clave para o desenvolvemento desta actividade. Polo que nos expresaban os rapaces, penso que lles encantou así que de novo tamén aproveito para darlles as grazas. Un alumnado de 5º primaria do que me levo moi bos recordos e oxalá volvamos coincidir. Ata outra “redondiños”!!!
Comments